Resumo do ano 2015

A piques de rematar o ano, semella que procede botar a vista atrás. Neste 2015 que se nos vai, déronse de alta 168 novos usuarios na Aula CeMIT de Ribadeo, que sumados aos que xa había, fan un total de 1007, que non son poucos!

Curso para a mocidade en CeMIT RibadeoNeste ano impartimos 20 actividades formativas de diversas temáticas e niveis, dende “Iniciación á informática” ata “Desenvolvemento de páxinas web con WordPress”, pasando por “Cursos de informática para a mocidade”, o curso para aprender a usar o Smartphone ou as actividades que realizamos cos nosos amigos da Asociación A Mariña todos os venres.

Tamén ofrecemos oportunidades para obter a Certificación Galega de Competencias Dixitais en Ofimática (CODIX) mediante dúas probas presenciales, unha en abril e outra en novembro, albergamos varios módulos do programa Ribadeo Medra Contigo como por exemplo o de “Community Manager”, que tan boa acollida tivo entre os asistentes, varios obradoiros de “Alfabetización Dixital para o Emprego” pertencentes ao Plan Galego de Inclusión Social e asistimos, a través de videconferencia, ao Seminario “Potencia a web do teu establecemento turístico” que tiña lugar no CDTIC de Santiago entre outras.

Dende a Aula CeMIT, ademais, desenvolvemos a páxina web da Media Maratón As Catedrais e a propia da Aula, desde onde vos escribo. Fixémoslle un cambio de deseño á web de Mocidade Ribadeo para darlle un aspecto máis actual e adaptala aos dispositivos móbiles, así como trasladamos a un dominio propio e rediseñamos a web da Escola de Música e Danza de Ribadeo.
Ao longo de todo o ano, intentamos resolver todas as dúbidas que nos suscitastes durante o horario de aula aberta, ese tempo no que a aula está á vosa disposición para estudar, traballar, pasar un intre de lecer ou resolver dúbidas tecnolóxicas que vos poidan xurdir.

Foi un gran ano! 🙂

Compárteo!